Máster en Ciencias do Clima: Meteoroloxía, Oceanografía Física e Cambio Climático

O Máster en Ciencias do Clima: Meteoroloxía, Oceanografía Física e Cambio Climático é un máster Universitario Oficial da Universidade de Vigo. Os Másteres Universitarios oficiais son os estudos que, dentro do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), conducen á obtención dos títulos de Máster e Doutor.
 

  • Importancia destes estudos:
     

O Máster céntrase en aspectos científicos do clima global, de climas rexionais e do cambio climático, xunto coa análise dos seus impactos. Poucos temas de investigación teñen un consenso internacional tan elevado como o do clima e o cambio climático e, con todo, actualmente non existe ningún máster no contexto nacional exclusivamente dedicado a estes aspectos científicos.
 
A investigación climática incrementouse considerablemente nas dúas últimas décadas debido á consciencia da comunidade científica de que o clima estivo cambiando e vai continuar facéndoo, mesmo máis, durante este século. O recente Premio Novel da Paz concedido ao IPCC elevou esta consciencia aos máis altos niveis. O principal obxectivo da investigación climática é mellorar o noso entendemento sobre a natureza dos diversos compoñentes do sistema climático e as principais causas responsables da variabilidade e do cambio climático. É por iso que a comunidade xeofísica internacional empregou nas décadas recentes unha enorme cantidade de tempo, esforzo e diñeiro para entender e caracterizar os cambios climáticos observados desde centos a miles de anos asociados a distintos cambios do sistema climático (a variabilidade solar, as erupcións volcánicas ou, a maior escala, os ciclos de Milankovitch). Hoxe en día está amplamente aceptado que a inxección de enormes cantidades antropoxénicas de gases de efecto invernadoiro (GEI) na atmosfera causou xa cambios no clima do noso planeta tanto a escala global como rexional. No entanto, a investigación que se fai en ciencias do clima non está exclusivamente focalizada en cambio climático, xa que aínda non entendemos completamente os mecanismos responsables da variabilidade climática, principalmente aqueles derivados da interacción entre os compoñentes do sistema climático.
 
Estes compoñentes mostran variabilidade a diferentes escalas temporais (desde días a milenios) sendo a súa conduta non lineal, mesmo caótica como na atmosfera e o océano, o que leva a unha fascinante complexidade. Así que debe investirse un gran esforzo e unha gran cantidade de novos investigadores para ter un coñecemento máis detallado dos mecanismos que controlan o sistema climático a diferentes escalas temporais asociadas e non asociadas necesariamente a cambio climático. Este máster céntrase precisamente en dar unha formación máis adecuada e específica para profundar no coñecemento destes fenómenos. Posibilitará aos alumnos as ferramentas adecuadas para constituírse na próxima xeración de científicos do clima que se necesita para abordar o complicado problema da variabilidade e o cambio climático.